O independentismo tibetano (en chinés: 西藏独立运动) é o movemento político que defende a separación e independencia do Tíbet respecto da China. O movemento é liderado pola diáspora tibetana en países como a India e os Estados Unidos de América, así como por celebridades e budistas tibetanos dos Estados Unidos, a India e Europa. O movemento xa non está apoiado polo 14º Dalai Lama, que aínda que o defendeu dende 1961 até finais da década de 1970, propuxo unha especie de autonomía de alto nivel nun discurso en Estrasburgo en 1988,[1] e dende entón restrinxiu a súa posición a autonomía para o pobo tibetano na Rexión Autónoma do Tíbet dentro da China,[2] ou ampliando a área da autonomía para incluír partes das provincias chinesas veciñas habitadas por tibetanos.[3]